Monday 20 de May de 2024

Inés Rey e Alfonso Rueda acordaron hoxe iniciar unha  nova etapa de colaboración para avanzar na apertura do  porto á cidade  


Inés Rey convocará a todas as Administracións implicadas na fachada marítima  a un cumio na Coruña este mesmo mes para avanzar na integración dos peiraos 

A alcaldesa e o presidente da Xunta dan por superados os convenios do 2004 e  acordan que os terreos portuarios manterán a titularidade pública 

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Xunta, Alfonso  Rueda, mantiveron hoxe unha reunión de traballo cun único asunto na orde do día: o futuro dos  peiraos interiores e da fachada marítima coruñesa. O encontro, solicitado pola rexidora para avanzar  na integración dos espazos portuarios na cidade, serviu para poñer en común o interese das partes  en avanzar nun asunto que, segundo a alcaldesa, “é un proxecto de cidade que trascende a un  mandato e á propia cidade e é relevante para o futuro de Galicia”. 

O encontro, celebrado en San Caetano, desenvolveuse nun clima de cordialidade, marcado pola  boa sintonía e polo interese de ambas parte de avanzar no proxecto de integración. “Ábrese unha  nova etapa de colaboración interadministrativa”, indicou a alcaldesa.  

Rey e Rueda acordaron deixar o debate sobre o futuro do porto “fóra da contienda política”,  buscando a forma de avanzar de xeito coordinado e sen trabas. Ambas partes selaron o que Rey  calificou como “pacto de Estado” para avanzar sen atrancos no futuro do porto. Nesa liña, a  alcaldesa anunciou que convocará a todas as partes implicadas na fachada marítima este mesmo  mes de maio en María Pita, no mesmo escenario no que a rexedora xuntou a todos os actores o 23  de febreiro do 2021, o primeiro encontro celebrado en 17 anos de todas as partes implicadas.  

A vontade do Goberno municipal, compartida pola Xunta, é avanzar ao longo deste mandato na  integración e apertura do porto, dando pasos firmes que permitan a maior transformación  urbanística da cidade en décadas, transformación que se levará a cabo en terreos que seguirán a  ser públicos e que deberá facerse baixo os criterios da maior calidade urbana e da creación de  novos servizos para as e os cidadáns. Tanto Rey como Rueda dan por superados os convenios  asinados no 2004, coincidindo en qué é preciso un novo marco regulatorio para os terreos  portuarios. 

Rueda, ademais, amosou o seu compromiso a traballar da man do Concello no desenvolvemento  da reurbanización dos Cantóns, a denominada Fase Cero da integración portuaria, ao representar  dito espazo a porta de entrada aos peiraos interiores.

Deja un comentario